Convocatoria para a adscrición de persoal investigador ao CISPAC

01/02/2024

Chamada de Expresións de interese de vinculación de persoal investigador ao CISPAC

O pasado 29 de xaneiro celebrouse a reunión do Consello Reitor do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais. Un dos puntos aprobados foi a convocatoria para a adscrición de persoal investigador do centro. Con esta chamada aberta quere vincularse a un número suficiente de investigadores e investigadoras capaces de deseñar e liderar liñas de investigación e transferencia relacionadas coas Paisaxes Atlánticas Culturais para cumprir coas aspiracións estratéxicas de facer do CISPAC un centro de referencia.

A data límite para a presentación de solicitudes é o 1 de marzo de 2024 ás 14 horas (CET).

Candidatos elixibles

Esta convocatoria de expresións de interese para a vinculación ao CISPAC está dirixida a persoal PDI das universidades de A Coruña, Vigo e de Santiago de Compostela (*), con vinculación permanente coa institución á que pertenzan ou con contrato de Profesor/a Axudante Doutor/a. Poderá ser considerado investigador/a vinculado/a o persoal investigador posdoutoral contratado especificamente con cargo a programas de RR.HH. competitivos (Beatriz Galindo, Ramón y Cajal…) ou investigadores/as distinguidos/as contratados/as no marco das convocatorias propias da USC.

Preténdese a incorporación de persoal investigador con experiencia científica probada, capaz de impulsar e mellorar as capacidades do centro e dar coherencia aos seus programas. Compre destacar na solicitude a experiencia das persoas candidatas en proxectos de investigación colaborativa ou redes relacionadas cos principais campos da axenda científica do CISPAC, no ámbito das ciencias sociais e humanas. Valorarase, excepcionalmente, traxectorias nas outras grandes áreas académicas cando se fundamenten nunha experiencia previa e madura de colaboración en redes e proxectos dos campos de especialización do CISPAC.

Considerarase, para a valoración da traxectoria investigadora dos últimos 10 anos, a acreditación de sexenios de investigación e transferencia, a relevancia da produción científica, a dirección e participación en proxectos competitivos e contratos e actividades de transferencia, a dirección de teses, así como outros méritos académicos (congresos, participación en comités científicos e editoriais, …). A vinculación do persoal investigador ao CISPAC será por un período de catro anos (cunha avaliación intermedia bianual) prorrogables por períodos da mesma duración, previa avaliación favorable polo Consello Asesor Científico Externo da actividade desenvolvida nese período. O persoal vinculado manterá a súa vinculación docente na universidade de orixe e a súa actividade investigadora quedará vinculada ao CISPAC.

Proceso de avaliación e selección

O proceso de avaliación será realizado polo Consello Asesor Científico Externo do CISPAC. O nomeamento formal como persoal investigador vinculado das persoas candidatas que cumpran cos criterios de excelencia sinalados será aprobado pola Consello Reitor do CISPAC, a través da sinatura dun compromiso formal cos obxectivos estratéxicos e a política organizativa do centro, sen que en ningún caso entre en conflito coa normativa propia da universidade á que pertenza cada membro vinculado.

Presentación de solicitudes de vinculación. Formulario e CV.

A data límite para a presentación de solicitudes é o 1 de marzo de 2024 ás 14 horas (CET).

A solicitude debe enviarse a cispac.direccion@usc.es en formato pdf, utilizando os formularios (Anex 1); acompañado do CVA dos últimos 10 anos seguindo modelo adxunto (Anex 2) ou o CV EUROPASS

Para calquera aclaración ou consulta sobre esta convocatoria, dirixirse a: cispac.direccion@usc.es ou contacte a través dos teléfonos 881812578 / 881812734.

Preme para acceder ao Anexo I ou ao Anexo II

Facebook
Twitter