O centro

O CISPAC, centro de investigación interuniveristario das paisaxes atlánticas culturais, é un centro singular de nova xeración, pioneiro na investigación fundamental e aplicada nos ámbitos das ciencias sociais e humanas. Constitúe un modelo de referencia que busca mellorar o aproveitamento das capacidades en I+D, coa confluencia de 73 investigadores e investigadoras de alto nivel que pertencen a 30 grupos de investigación das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, que foron seleccionados por un Comité Asesor Externo.

O CISPAC representa un novo modelo de organización da investigación colaborativa, aberta e trasndisciplinar, organizándose ao redor de cinco campos conectados entre si para  afrontar, de xeito activo, toda a cadea de valor e de colaboración necesarias para dar respostas aos grandes retos demográficos, ambientais, patrimoniais, turísticos e de gobernanza, que comprende a paisaxe hoxe en día, en todas as súas dimensións territoriais, históricas e socioeconómicas.

Trátase dunha unidade de referencia en investigación e transferencia, que pivota ao redor dunha cultura de centro común, con capacidade para consolidar sinerxías, casos de éxito e boas prácticas homologables a nivel internacional, afianzando o sentimento de pertenza e fortalecendo as alianzas e as oportunidades cos axentes da contorna para acadar un maior impacto do seu potencial investigador e mantendo resultados de excelencia na investigación básica e aplicada, baseados nunha axenda científica común.

O edificio

A sede do CISPAC localízase nos módulos centrais do edificio Fontán, inaugurado en 2021, que constitúe o derradeiro chanzo na configuración do proxecto Cidade da Cultura de Galicia, e que acolle outras institucións interuniversitarias, como o Consorcio Interuniversitario de Galicia, ou a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario.

Cun espazo útil de 2.559 m2 e con capacidade para albergar ata 200 investigadores académicos universitarios, o CISPAC contribúe á consolidación do macrocomplexo cultural que xera a Cidade da Cultura, fornecendo o seu abano de actividades culturais e intensivas en coñecemento, que inclúen tamén o emprendemento social.

En homenaxe ao matemático e xeógrafo galego Domingo Fontán, autor do primeiro mapa topográfico e científico feito en España, o edificio toma prestado o nome deste ilustrado pontevedrés como emblema para contribuír a mellorar a posición investigación universitaria galega no mapa do coñecemento internacional, máis de douscentos anos despois da impresión desta célebre Carta xeométrica de Galicia (1817).

Enfocado principalmente ao estudo das paisaxes atlánticas nas súas distintas dimensións, o CISPAC proxéctase, a través do edificio Fontán, como observatorio pioneiro e innovador no estudo da paisaxe do suroeste europeo e afonda na comprensión das grandes transformacións que experimentan as sociedades contemporáneas actuais, dende unha perspectiva interdisciplinar ao tempo que converxentemente transdiciplinar.

 

Espazos do CISPAC

Espazo Posdoc

Concibido baixa a lóxica da oficina aberta, esta sala, situada na primeira planta do Edificio Fontán, está destinada aos investigadores pos doutorais, calquera que sexa a súa especialidade e campo de traballo. O deseño aberto estimula o intercambio de ideas e a potencial confluencia nos proxectos de investigación.

Laboratorios

Situados na planta -1 do edificio, o CISPAC ten habilitados para os seus investigadores dous laboratorios cos seus respectivos alboios para o almacenamento de equipos e mostras. Son o Laboratorio de Arqueoloxía e Ciencias da Terra e o Laboratorio de Patrimonios Visitados

Burbullas de traballo

NO CISPAC contamos con 6 burbullas illadas, con capacidade para 6 persoas cada unha, que se sitúan a carón das áreas colectivas de traballo. Equipadas con monitor e videocámara, estes espazos poden ser empregados para as reunións dos grupos de investigación, así como para a realización de videoconferencias.

Despachos de investigadores visitantes

Alén dos espazos abertos de traballo, o Centro conta con despachos de investigadores visitantes, situados na primeira planta.

 

Seminarios e salas de lectura

Situados no primeiro andar, o CISPAC dispón de tres seminarios independentes con capacidade para 15 persoas en mesas dobres. Cada un dos seminarios está equipado con monitor, conexión a internet e taboleiro, o que fai destes espazos un lugar axeitado para o desenvolvemento de reunións de pequeno tamaño, videoconferencias e sesións didácticas.

Na sala de lectura poranse a disposición dos investigadores os recursos e servizos dixitalizados cos que conta o CISPAC.

Ecoespazo

O Ecospazo CISPAC, situado na planta baixa do edificio Fontán, a carón do acceso principal, é a primeira dependencia do centro dirixida á recepción dos visitantes. Equipado con sofás e mesas baixas, este espazo é o máis axeitado para a presentación dos resultados da investigación de xeito dinámico (v.g.: presentacións en formato póster) ou para manter reunións informais. Conta con monitor de vídeo.

Salas de traballo

O CISPAC pode poñer a disposición dos seus investigadores 5 salas de traballo xestionadas pola Xunta de Galicia, situadas na planta baixa do Edificio Fontán. Estes espazos contan co mobiliario necesario para a realización de reunións grupais e cabe a posibilidade de instalar un monitor. Destas salas, tres delas contan con capacidade para 15 persoas e outras dúas teñen capacidade para 20-25 persoas.