O proxecto SOSFood, coa participación do CISPAC, investigará a sustentabilidade do sistema alimentario empregando tecnoloxías de explotación de datos e IA

05/03/2024

O pasado venres tivo lugar en Compostela, nas instalacións do CiTIUS, a xuntanza de lanzamento do proxecto SOSFood. Este xorde da colaboración entre a USC, o hub de innovación dixital Datalife e a Universidade de Vigo a través do grupo de Investigacións Agro-ambientais e Alimentarias.

O investigador principal do proxecto, Jesús Simal Gándara, adscrito ao CISPAC e catedrático da UVigo, salienta a relevancia de SOSfood no contexto actual. “As manifestacións de agricultores en contra da Axenda 2030 destacan a importancia de involucrar a todas as partes interesadas, incluídos os propios agricultores, na elaboración e implementación de políticas relacionadas coa agricultura e o medio ambiente”, afirma. Por iso, engade o responsable da proposta, “é crucial atopar un equilibrio entre a necesidade de protexer o medio ambiente e promover prácticas agrícolas sostibles, á vez que se brinda apoio e se asegura a rendibilidade da actividade agrícola, gandeira e pesqueira”.

SOSFood utilizará o potencial das tecnoloxías de explotación de datos e a Intelixencia artificial (IA) para proporcionar unha imaxe precisa e global do sistema alimentario europeo, promovendo así o desenvolvemento de ferramentas preditivas. Este consorcio no que participan 17 entidades de toda Europa, entre as que se atopa a USC a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), recoñece “a necesidade urxente” de intervir no sistema alimentario para facelo máis produtivo, inclusivo, sostible e resiliente, dada a actual situación de emerxencia ambiental. O obxectivo último é axudar a que as distintas partes implicadas na cadea alimentaria poidan tomar decisións ben informadas, poñendo o foco en involucrar todos os elos da cadea de valor: produción, transformación, distribución, venda, consumo e xestión de residuos.

O proxecto realizará unha análise interdisciplinaria do sistema de alimentación, involucrando a especialistas da contorna europea en saúde, nutrición, economía, medioambiente e saúde. Os resultados do proxecto van dirixidos a todos os actores da cadea de valor, e de maneira importante, ao consumidor final, xunto cun conxunto de recomendacións baseadas na evidencia científica, que están dirixidas a orientar as futuras políticas da Unión Europea.

SOSFood levará a cabo tres estudos de casos de uso en tres escenarios europeos distintos: Galicia (representando un ámbito autonómico); Atenas (un ámbito metropolitano); e Lituania (un ámbito estatal), co obxectivo de validar a viabilidade e representatividade dos métodos de análises e os algoritmos desenvolvidos. Este será o colofón a unha iniciativa que se presenta como un fito significativo na procura de solucións saudables (e a prezos xustos) para os desafíos alimentarios globais, promovendo a colaboración entre diversos sectores e utilizando a tecnoloxía para abordar a complexidade do sistema alimentario europeo.

Esta iniciativa conta co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’ da Comisión Europea. Constitúe un esforzo sen precedentes na UE á hora de abordar a crecente emerxencia ambiental e transformar a cadea de valor alimentaria en Europa, sendo valorada pola Comisión como o mellor proxecto de todos os presentados.

Segundo estimacións da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), en 2050 podería ser necesario “producir un 60% máis de alimentos” para fornecer unha poboación mundial de 9.300 millóns de persoas. De aí a relevancia e pertinencia de proxectos coma este.

Facebook
Twitter