A Revista T·I·A·S é unha publicación de divulgación científica creada dende o Post-Growth Innovation Lab e cofinanciada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).
É unha revista divulgativa na que os artigos son en realidade relatos, historias con diversas personaxes nas que o que se busca é explicar de maneira sinxela e comprensible para un público xeral as principais ideas que se recollen en traballos científicos que normalmente resultan inaccesibles e incomprensibles para a meirande parte da xente.
Os relatos créanse de maneira colaborativa entre o persoal investigador autor deses traballos científicos e o equipo da revista. Neste segundo volume trátase dunha publicación 100% CISPAC, xa que todos os relatos están baseados en traballos científicos de persoal do centro, e a temática é a mesma que se abordou na sesión organizada polo CISPAC en Santiago de Compostela o 30 de outubro de 2025: o lume.