O CISPAC organiza unha nova sesión do ciclo Teses en discusión, que chega á súa vixésima edición, cunha presentación de proxectos vencellados á historia ambiental urbana e á memoria colonial.
A primeira intervención correrá a cargo de Leticia Andrade Batista Silva, investigadora do Instituto Oswaldo Cruz – Fiocruz, que presentará o seu traballo Metabolismo urbano e infraestrutura: os caminhos do lixo no Rio de Janeiro (1880–1940). A súa investigación aborda a xestión dos residuos urbanos como unha clave para comprender as transformacións infraestruturais, sanitarias e sociais da cidade do Rio de Janeiro entre finais do século XIX e a primeira metade do XX. Leticia é membro do Laboratório de História e Natureza (LabHeN) da UFRJ e do Laboratório de Estudos Sociais dos Resíduos da Universidade Estadual do Rio de Janeiro (UERJ).
Na segunda parte da sesión intervirá Michael Tortorella, doutorando en Historias, Culturas y Políticas del Global na Università di Bologna, coa presentación Memoria y geografías del colonialismo en Etiopía: hacia una crítica de la colonialidad y de la idea del Mezzogiorno. A súa proposta de investigación analiza a relación entre o coñecemento xeográfico, a construción colonial da idea do Mezzogiorno e o colonialismo italiano, prestando especial atención á experiencia do colonialismoen Etiopía durante o período fascista.
A sesión completarase coa intervención de Ida Raunkjær, da Syddansk Universitet, quen presentará o seu proxecto Reimagining Landscapes. Desde unha perspectiva antropolóxica, a súa investigación analiza como a Danish Society for Nature Conservation emprega narrativas postantropocéntricas sobre a natureza para mobilizar á cidadanía fronte á crise climática.
A sesión terá lugar o mércores 11 de febreiro ás 11.00 horas no Lar do CISPAC, e está aberta á comunidade investigadora e ao público interesado.