Os días 28 e 29 de maio, a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela será o escenario das xornadas Ensinar e aprender en espazos arqueolóxicos. Estratexias didácticas e enfoques transversais, unha iniciativa do proxecto EduPArq. Educación patrimonial, paisaxe e sustentabilidade: os parques arqueolóxicos como contextos de aprendizaxes transversais, coordinado pola profesora Leticia López Mondéjar.
O encontro está dirixido a profesorado, persoal investigador e profesionais vinculados á educación patrimonial e á difusión de espazos arqueolóxicos. O seu obxectivo principal é crear un espazo de intercambio e reflexión arredor das prácticas educativas e das metodoloxías didácticas aplicadas ao patrimonio, con especial atención ao potencial dos espazos arqueolóxicos como contextos de aprendizaxe transversal.
As xornadas serán de asistencia gratuíta, aínda que requiren inscrición previa antes do 18 de maio a través dun formulario en liña, e incluirán a expedición de certificado de asistencia.
A organización destaca o carácter aberto e colaborativo do encontro, que busca favorecer a difusión de experiencias e coñecementos no ámbito da educación patrimonial.
