Os movementos campesiños na India centrarán este webinario coa participación de Shamsher Singh, cuxa investigación aborda as relacións agrarias, as condicións de vida no rural e as desigualdades sociais. O seu traballo inclúe estudos en comunidades de distintas rexións da India, con atención a cuestións como a vivenda, o acceso aos servizos básicos e as relacións de casta e clase.
Singh é coeditor, xunto con Sabah Siddiqui, do libro A People’s History of the Farmers’ Movement, 2020–2021, publicado por Routledge. O volume analiza as protestas contra as leis agrarias aprobadas en 2020, que se prolongaron durante máis dun ano e culminaron coa derrogación destas normas en 2021. A obra reúne estudos sobre as dinámicas sociais e políticas, as expresións culturais e as redes de solidariedade que sostiveron as mobilizacións en diferentes territorios. Ademais, Singh é responsable do People’s Archive of Farmers’ Protests, un proxecto dedicado a documentar as mobilizacións e accións de protesta deste movemento.
O encontro desenvolverase en formato de conversa con Marco Antonio Álvarez. A conexión terá lugar ás 11.00 horas e poderá ser seguida presencial no Seminario 101 do CISPAC ou en liña.