VIII Sesión: Ciclo teses en discusión (20/03)

20/03/2024

O mércores 20 de marzo celebrouse a VIII Sesión do ciclo de teses en discusión do CISPAC. Nesta ocasión interviron David Fontán Bestilleiro, investigador do grupo HISTAGRA; e Tania Mosquera Castro, do grupo GEPN-ATT, ambos da Universidade de Santiago de Compostela.

Na primeira quenda, David presentou o proxecto “Traballando a natureza. Sustentabilidade histórica e memoria biocultural dos agroecosistemas da Galicia Atlántica (s. XVIII – XXI)”. Elaborou unha análise histórica dos espazos comúns da agricultura atlántica galega en termos de sustentabilidade ambiental, económica e social.

A segunda parte foi a cargo de Tania, que expuxo a investigación “A arte das sociedades cazadoras-recolectoras no cuadrante NW da Península Ibérica”. Nela comentou os achádegos artísticos en Cova Eirós. Esta investigación cuestiona e actualiza teses historiográficas que non contemplaban que puidese existir arte en certos momentos do Paleolítico no noroeste peninsular.

A continuación deixamos unha escolma fotográfica do acto, ao que asistiu persoal investigador do centro. Houbo un debate final cun intercambio de enfoques e perspectivas.

Facebook
Twitter