A Facultade de Historia da Universidade de Vigo organiza unha xornada centrada no estudo das mulleres en situación de pobreza no mundo antigo. A sesión contará coa participación de 4 expertas e expertos nesta temática, co obxectivo de aproximarnos ao concepto da pobreza feminina na antigüidade e as súas particularidades. Do mesmo xeito, establecerase un paralelismo entre a concepción da pobreza no pasado e no presente extendido grazas aos estudos de xénero.
A actividade está financiada no marco das actividades docentes que promovan a perspectiva de xénero na Universidade de Vigo. Así mesmo, están incluídas, a nivel de contidos, no marco do proxecto I+D+i do Ministerio de Ciencia e Innovación: Vulnerabilidade Intrafamiliar e Política no Mundo Antigo [PID 2020-116349GB-100/AEI/10.13039/501100011033]. A actuación de Iria Souto Castro, investigadora adscrita ao CISPAC, é financiada polo Ministerio de Universidades con cargo á aplicación 33.50.460A.752 e pola Unión Europea NextGenerationEU/PRTR mediante un contrato Margarita Salas da Universidade de Vigo.
Esta xornada terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Historia da Universidade de Vigo (Ourense) o vindeiro 4 de outubro ás 10h. Podes consultar máis información na sección de novas da Universidade de Vigo, así como consultar o programa completo a continuación.