O vindeiro 28 de outubro terá lugar no Edificio Fontán da Cidade da Cultura o V Encontro Intersectorial do Ecosistema Forestal de Galicia, Piñeiros’25, organizado pola Fundación Arume coa colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal. A cita reunirá expertos e representantes institucionais de Galicia, Chile e Uruguai para fortalecer a cooperación internacional arredor da cadea monte-industria e reflexionar sobre os retos de futuro do sector forestal nun contexto global marcado pola sustentabilidade e a innovación.
O CISPAC participará nesta edición coa mesa redonda O piñeiro como elemento cultural en Galicia, moderada por Lourenzo Fernández Prieto, director científico do noso centro. Participarán Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, Patricia Blanco, da Fundación Eduardo Pondal, e Ramón Collazo, presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira.
Ao longo da xornada tamén se tratarán cuestións relacionadas coa arquitectura sostible, a construción con madeira e a sanidade forestal, con intervencións de profesionais e investigadores de prestixio internacional. Chile e Uruguai serán os países convidados neste encontro, que busca afianzar o diálogo entre Galicia e América Latina arredor da madeira como elemento económico, ambiental e cultural.
Máis información en fundacionarume.gal, e preme aquí para realizar a inscrición previa.