Uxía Otero e Daniela Ferrández, primeiro premio de investigación con perspectiva de xénero da USC

23/09/2026

As investigadoras de HISTAGRA e do CISPAC Uxía Otero González e Daniela Ferrández Pérez recibiron o primeiro premio da modalidade de investigación na XVII edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación da Universidade de Santiago de Compostela. O galardón, dotado con 1.000 euros, entregarase o vindeiro 25 de setembro.

O traballo premiado, titulado Disidencias sartoriais sexo-xenéricas na Galicia da primeira metade do século XX: unha investigación colaborativa desde a perspectiva de xénero, pon en diálogo as liñas de investigación das dúas historiadoras: a historia das disidencias sexo-xenéricas, no caso de Daniela Ferrández, e as memorias sartoriais e a historia material e inmaterial, no de Uxía Otero.

A investigación analiza as formas de disidencia sexo-xenérica na Galicia rural entre finais do século XIX e a década de 1960. En particular, estuda a aparencia e a vestimenta como espazos de regulación, negociación e transgresión das normas de xénero, así como o que estas prácticas revelan sobre as formas de visibilidade, persecución e resistencia fronte a esas normas.

O traballo concrétase en tres resultados científicos complementarios: dous artigos en revistas internacionais indexadas e un capítulo nun volume colectivo publicado por unha editorial internacional. Os tres textos, aceptados para a súa publicación, aínda non saíron do prelo. Mentres os traballos completos non estean dispoñibles, pode consultarse un avance divulgativo dos seus contidos na conta de Instagram do proxecto posdoutoral Costume_s, de Uxía Otero; así como na diferente produción científica de ambas investigadoras.

Toda a información pode consultarse na páxina da convocatoria da USC.

Facebook
Twitter