Un equipo multidisciplinar da Universidade de Santiago de Compostela e do CISPAC iniciou no cemiterio de Serantes, en Ferrol, unha intervención arqueolóxica destinada a localizar e avaliar o estado de conservación das foxas nas que poderían estar enterradas, polo menos, 197 vítimas da violencia franquista. Os traballos, que comezaron o pasado 31 de agosto e se prolongarán ata o 11 de setembro, céntranse inicialmente na realización dunha cata que permita comprobar a presenza de restos humanos e determinar as posibilidades dunha futura exhumación.
A actuación parte dunha investigación histórica desenvolvida polo grupo Histagra, pertencente ao CISPAC, baixo a coordinación científica de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho. O estudo, realizado por Xurxo Antelo e Lucía Santiago coa colaboración da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol e das familias das vítimas, permitiu ampliar significativamente o número de persoas documentadas.
As estimacións anteriores situaban a cifra entre 170 e 175 vítimas, mentres que o proxecto Nomes e Voces recollía 189. A revisión de novas fontes e rexistros elevou finalmente o número ata un mínimo de 197 persoas enterradas entre 1936 e 1942, a maior parte delas nos meses posteriores ao golpe de Estado. A ampliación do camposanto, a construción de nichos e as exhumacións promovidas polas propias familias a partir dos anos cincuenta modificaron algúns dos espazos nos que se realizaron os enterramentos. A investigación trata agora de determinar que zonas poden ser conservadas intactas, cales foron alteradas e en que puntos resulta posible localizar restos en posición primaria ou secundaria.



Os resultados da cata arqueolóxica, coordinada por José Carlos Sánchez Pardo, investigador do grupo AEVUM da USC e do CISPAC, e desenvolvida sobre o terreo por Tempos Arqueólogos, determinarán as seguintes fases do proxecto. No caso de localizarse restos óseos, iniciarase unha análise antropolóxica forense coordinada por Edgard Camarós, investigador do grupo GEPN-AAT da USC e do CISPAC. Este estudo permitirá comprobar a posible existencia de signos de violencia e avanzar, posteriormente, na identificación xenética mediante a comparación con mostras achegadas polas familias.
“Facemos isto porque nos seguimos facendo unha pregunta: hai 90 anos comezaron a matar xente, pero ‘por que tiveron que matalos?’ É unha pregunta histórica, democrática e de dereitos humanos” – Lourenzo Fernández Prieto (HISTAGRA-CISPAC)
A intervención en Serantes enmárcase no convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, con financiamento do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática. O acordo contempla a investigación histórica, arqueolóxica e forense das foxas da violencia franquista localizadas nos cemiterios de Serantes, Beira, en Carral, e Boisaca, en Santiago de Compostela. Polo número de vítimas documentadas, Serantes constitúe un dos principais lugares de enterramento vinculados á represión franquista en Galicia e un espazo fundamental para avanzar no coñecemento, a reparación e a recuperación da memoria democrática.


Portada: Lentes Diverxentes