O proxecto RUPESTR3D. Modelado 3D e análises de imaxe dixital para o rexistro e documentación da arte rupestre do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro (Pontevedra) foi unha das tres iniciativas seleccionadas polo Programa Xan de Forcados 2024 do CISPAC. O traballo, liderado polos investigadores Alia Vázquez Martínez e Alexis Maldonado Ruiz, apostou polo uso das tecnoloxías dixitais aplicadas ao estudo e conservación do patrimonio arqueolóxico galego.
O equipo investigador levou a cabo a documentación tridimensional e análise xeoespacial dos petróglifos de Campo Lameiro, combinando técnicas de fotogrametría terrestre e aérea con dron. O resultado foi a creación de modelos 3D de alta resolución que permiten rexistrar con precisión e preservar motivos gravados deteriorados ou parcialmente ocultos, contribuíndo a unha mellor comprensión e protección deste patrimonio singular.

Ademais, o proxecto desenvolveu un visor web interactivo que facilita o acceso tanto a especialistas como ao público xeral ás representacións dixitais dos paneis rupestres, favorecendo a súa difusión científica e divulgativa.
RUPESTR3D foi presentado no marco das I Xornadas Internacionais da Arte Rupestre Atlántica, celebradas o 20 de setembro de 2025 no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro e o 21 de outubro de 2025 nas instalacións do CISPAC, reforzando a colaboración entre investigación, tecnoloxía e conservación do patrimonio cultural.

Fotografía de portada: Voo Lidar levado a cabo sobre parte do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro