Reunión do Consello Reitor do CISPAC (01/07)

01/07/2024

O 1 de xullo tivo lugar unha reunión do Consello Reitor do CISPAC, celebrada na Sala de Reunións do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela e por vía telemática para as persoas asistentes en remoto.

Asistiron á mesma D. Antonio López Díaz, Reitor Magnífico da Universidade de Santiago de Compostela, que actúa como presidente do Consello Reitor do CISPAC; Dona Pilar Bermejo Barrera, vicerreitora de política científica da Universidade de Santiago de Compostela; Dona María Belén Rubio Armesto, vicerreitora de investigación da Universidade de Vigo; Susana L. Gonzalez, en representación da Vicerreitoría de investigación da Universidade da Coruña; Dona Yolanda Lesmes Romero, Xerente da Universidade de Vigo; Lourenzo Fernández Prieto, director científico do CISPAC; Laura Oso, directora adxunta do CISPAC e Xavier Simón Fernández, director adxunto de transferencia do CISPAC.

O principal punto tratado foi a incorporación do novo persoal investigador ao centro. Aos 72 membros actuais, adhírense 44 novos investigadores e investigadoras representantes das tres universidades galegas: 16 da Universidade de Santiago de Compostela, 14 da Universidade de Vigo e 14 da Universidade da Coruña. O Consello Reitor valora positivamente este novo proceso de incorporación, no que destaca a traxectoria e prestixio a nivel internacional do persoal investigador, así como unha mellora no balance de xénero no centro. Con isto, refórzase a idea do salto cualitativo na configuración do CISPAC.

Por outra banda, o Consello Reitor comprométese a través do seu presidente Antonio López, reitor da USC, na busca de solucións para atender as principais necesidades do centro. O CISPAC ten unha potencialidade de investigación, formación e transferencia no ámbito das ciencias humanas e sociais como ningún outro dentro do SUG, e incluso máis alá dentro do espazo estatal de investigación, que require dunha solución estrutural que permita continuar a responder o reto da sustentabilidade global.

A continuación deixamos unha escolma fotográfica do encontro:

Facebook
Twitter