Onte, 15 de xullo, tivo lugar unha nova reunión do Comité Científico do CISPAC ás 9:30h nas instalacións do centro. A el asistiron de xeito presencial Lourenzo Fernández Prieto (director científico, USC), Laura Oso (directora adxunta, UdC) e Xavier Simón (director de transferencia, UVigo), xunto con Stefania Barca (USC), Elvira Santiago Gómez (UdC), José Carlos Sánchez Pardo (USC), David Peón Pose (UdC) e José Antonio Fraiz Brea (UVigo). A elas e eles sumáronse Aurora Grandal-d’Anglade (UdC) e Trinidad Domínguez Vila (UVigo) de xeito telemático.
O Comité Científico vixente foi escollido en decembro do ano pasado, cunha participación do 64,5%. Trátase do primeiro Comité Científico na historia do CISPAC. Dos 11 membros que o conforman, 6 son mulleres e 5 homes, polo cal queda acreditado o equilibrio de xénero. As funcións deste Comité son propor ao Consello Reitor (máximo órgano de goberno) o nomeamento do director/a científico/a, propor a vinculación de novas e novos membros do CISPAC, propor a desvinculación do persoal investigador do CISPAC e aprobar o programa científico e docente anual do centro.