Restructuring Historical Thinking: Environmental History as a Pathway to Democratic Resilience

03/11/2026
15:00
Seminario 103 (CISPAC)

O CISPAC acollerá unha nova sesión do ciclo de Teses en discusión dedicada ás relacións entre a historia ambiental, a educación e a resiliencia democrática. Uku Valner presentará a súa investigación doutoral, na que analiza como repensar o ensino da historia desde unha perspectiva máis que humana pode contribuír ao desenvolvemento das competencias cívicas do alumnado.

O seu traballo parte do contexto educativo estoniano, onde o currículo de historia incorpora a influencia recíproca entre os seres humanos e o medio, pero ofrece poucas ferramentas conceptuais para abordala. A investigación examina tamén a distancia entre a elevada conciencia ambiental da mocidade e a súa implicación na vida cívica.

Mediante unha investigación-acción participativa con docentes de centros educativos de Estonia, Valner explora como ampliar as narracións históricas máis alá do protagonismo humano pode transformar a relación do alumnado co medio. A proposta busca comprender se interpretar as condicións ambientais actuais como resultado de procesos históricos permite recoñecer as posibilidades de intervir nelas mediante a acción colectiva. Neste marco, aborda a resiliencia democrática como a disposición a defender os valores democráticos en contextos de incerteza e inestabilidade ecolóxica.

Uku Valner é investigador predoutoral na Escola de Humanidades da Universidade de Tallinn, onde traballa na intersección entre a historia ambiental e o ensino da historia. Formado como docente de Historia e Educación Cívica nesta universidade, exerceu durante oito anos en diferentes centros educativos estonianos, unha experiencia da que nace a súa investigación actual.

O encontro terá lugar o vindeiro 3 de novembro ás 15h no Seminario 103 do CISPAC.

Facebook
Twitter