O CISPAC vén de resolver a terceira edición do programa Xan de Forcados, unha convocatoria competitiva de apoio a proxectos de investigación en fase inicial, orientados ao estudo das paisaxes culturais atlánticas desde enfoques interdisciplinares.
Nesta edición 2025 foron seleccionadas tres propostas que combinan metodoloxías arqueolóxicas, tecnolóxicas e documentais para explorar, interpretar e dar visibilidade a elementos patrimoniais do territorio galego. Os proxectos recibirán unha axuda económica inicial para desenvolver os seus traballos entre os meses de setembro e decembro de 2025.
Proxectos seleccionados
D-LASTRA: Dixitalización de lugares arqueolóxicos subterráneos: Trazabilidade, rexistro e accesibilidade
- Investigadores principais: Diego Lombao Vázquez (CISPAC-USC) e José Ramón Rabuñal Gayo (CISPAC-USC)
- Outros integrantes: Yamilé Pérez Guilarte (UDC-CISPAC) e Bruno Esperante Páramos (USC-CISPAC)
Este proxecto aposta pola aplicación de ferramentas de intelixencia artificial e visión por computador para mellorar a documentación e accesibilidade de xacementos arqueolóxicos subterráneos. Cunha clara orientación cara á transferencia social e museográfica, desenvolveranse solucións innovadoras para procesar, rexistrar e visualizar espazos arqueolóxicos de difícil acceso, como minas ou covas, integrando modelos tridimensionais, sistemas de rexistro automático e interfaces accesibles.
PROXIBOI: Proxecto de revisión e escavación arqueolóxica de Pena Xiboi (Guitiriz, Lugo)
- Investigador principal: Mikel Díaz Rodríguez (CISPAC-USC)
- Outros integrantes: Miguel Carrero Pazos (CISPAC-USC), Horacio García García (CISPAC-USC), Eduardo José Corbelle Rico (CISPAC-USC) e Anxo López-Felpeto Gómez (AFG).
A intervención céntrase nun enclave de longa tradición oral, vinculado á paisaxe lendaria da comarca da Terra Chá. A través de prospeccións, escavacións e análise estratigráfica, o proxecto busca determinar a cronoloxía e funcionalidade do sitio arqueolóxico de Pena Xiboi, relacionándoo coas formas de ocupación e cos relatos mitolóxicos locais. A proposta integra o traballo de campo con ferramentas dixitais e contempla unha forte dimensión de divulgación comunitaria.
Paisaxes con patrimonio: coñecendo, dende a documentación e a escavación, unha parroquia altomedieval esquecida
- Investigadores principais: Mario Pereiro Fernández (CISPAC-USC)
- Outros integrantes: Daniel Mena Acevedo (CISPAC-USC), Jorge Sanjurjo Sánchez (CISPAC-UdC) e Gonzalo J. Escudero Manzano (UCM)
A partir do caso da igrexa abandonada de Santa Locaia, en Ponteareas, esta investigación aborda a evolución histórica e espacial dunha antiga parroquia de orixe altomedieval. O proxecto combina análise documental (medieval e moderna), prospección arqueolóxica, cartografía toponímica e datación mediante luminiscencia. O obxectivo é reconstruír a transformación dunha paisaxe relixiosa ao longo de máis dun milenio. O estudo pretende servir de modelo metodolóxico aplicábel a outras parroquias desaparecidas.
A resolución desta terceira edición do Programa Xan de Forcados consolida esta liña de apoio impulsada polo CISPAC como un espazo de experimentación e impulso a proxectos emerxentes. Dende o centro agradecemos todas as participacións na convocatoria.