Presentación da Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital

10/03/2023

O xoves 9 de marzo presentouse oficialmente no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital, coa participación do Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o director da Axencia  para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño; o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela e Secretario Xeral de CRUSOE, Antonio López; e o Responsable Global de Sector Público e Saúde de NTT DATA, Óscar Abril.

A Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital nace da colaboración entre CRUSOE, a Xunta de Galicia e NTT DATA, coa fin de coordinar as diferentes accións e actividades do grupo de traballo de CRUSOE no eido do Patrimonio Cultural Dixital, e terá a súa sede no CISPAC.

Constitúe así o primeiro exemplo de colaboración interinstitucional neste ámbito, coa fin de fomentar a docencia, a investigaciñón e a difusión dos coñecementos no eido do Patrimonio Cultural Dixital.

A constitución da Cátedra foi aprobada polo Consello de Goberno da Xunta de Galicia do 21 de xullo de 2022, firmándose o correspondente convenio entre as partes o 26/07/2022, sumándose á iniciativa impulsada por CRUSOE no ámbito do patrimonio Cultural Dixital “STELLAE 5.0 Patrimonio Cultural Digital Vinculado al Camino de Santiago”.

Facebook
Twitter