O pasado 24 de abril Histagra organizou un novo seminario nas instalación do CISPAC. Este correu a cargo de Poonam Pandey, investigadora María Zambrano e Investigadora Principal no Laboratorio de Innovación Postcrecemento na UVigo. A súa ponencia levou por título “Merece a pena repetir algunhas historias? A política e a práctica de levar a Revolución Verde ao este da India”.
En 2010, o Goberno indio puxo en marcha o seu ambicioso programa “Levar a Segunda Revolución Verde á India Oriental (BGREI)”, centrado na modernización agrícola dos estados orientais. Segundo ela, a revolución verde presentouse como un proxecto humanitario que permitise aos novos estados independentes construír unha nación mediante a autosuficiencia alimentaria. A partir deste feito proxectou ideas cara o presente a través dunha serie de ideas principais.
Para explicar o anterior, centrouse en explicar aspectos materiais e aspectos ideolóxicos. Os primeiros dividiunos en innovacións tecnolóxicas (como a mecanización ou o almacenamento), innovacións políticas (contratación pública ou créditos e préstamos) e innovacións sociais (formación ou premios a labregos). Por outra banda, nos aspectos ideolóxicos mencionou a configuración do estado, da ciencia e das sementes como heroes nacionais, ou da propia figura de Norman Borlaug, pai da revolución verde.
Aproveitou así mesmo para criticar algúns aspectos da revolución verde, como o esgotamento ambiental e dos recursos, a perda de biodiversidade e o endebedamento dos labregos. Tamén incidiu na limitada capacidade do Estado para regular estas políticas, xa que o 95% das necesidades de sementes dependen do sector privado e menos do 5% do Estado, o que fai ademais inviable regular a súa calidade.
A continuación amósanse algunhas imaxes do evento.