Para un futuro sen lumes: coñecemento e participación social

29/08/2025

Proposta e declaración do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais USC-UVIGO-UDC) ao servizo da sociedade e das súas institucións

Dende o CISPAC queremos contribuír a un futuro sen lumes catastróficos que condenen ao territorio rural e ameacen periodicamente vivendas, aldeas, vilas e mesmo cidades. Trasladamos o noso apoio ás persoas afectadas e as institucións implicadas nas solucións e poñémonos ao seu dispor no que poidamos colaborar. Non aceptamos a condena dos lumes e sabemos que hai capacidades e condicións para concibir un futuro diferente.

Dende un coñecemento multidisciplinar do mundo rural que abrangue economía, enxeñería, historia, xeografía, socioloxía, antropoloxía, bioloxía, dereito ou ecoloxía, e co aporte nestes campos das tres universidades galegas, no CISPAC pomos o noso coñecemento a dispor da sociedade, do Parlamento e dunha xestión política estratéxica que favoreza un futuro sen lumes catastróficos. Por suposto en confluencia con outros investigadores e centros galegos e de fóra e coas organizacións sociais e institucións presentes no territorio.

“Pensar en reverter o abandono é tan difícil como necesario e require dun grande esforzo estratéxico de coñecemento, diálogo e actuacións”

A contribución e a participación da sociedade rural, das comunidades de montes –que ocupan un 23 % do territorio–, nas solucións de futuro, foi historicamente o único medio para atopar solucións duradeiras e sustentables no manexo do territorio en Europa. A combinación de actividade agraria, gandeira e silvícola só pode ser unha solución se hai persoas que manteñan o territorio e as aldeas que lle dan soporte. Pensar en reverter o abandono é tan difícil como necesario e require dun grande esforzo estratéxico de coñecemento, diálogo e actuacións. Dende a investigación universitaria internacionalmente relevante e de longo percorrido, verbo do mundo rural o manexo do territorio e as paisaxes, estamos ao servizo público co noso coñecemento.

A dirección científica do CISPAC

Xavier Simón Fernández | Catedrático de Economía Ecolóxica da UVIGO

Laura Oso Casas | Catedrática de Socioloxía da UdC

Lourenzo Fernández Prieto | Catedrático de Historia Contemporánea da USC

Facebook
Twitter