Obradoiro de investigación-acción participativa nas paisaxes históricas

26/01/2023

O xoves 2 de febreiro ás 11h celebrarase no Ecoespazo do CISPAC (Edificio Fontán – Cidade da Cultura de Galicia) un obradoiro titulado “Investigación-acción participativa nas paisaxes históricas”. O acto estará organizado polo grupo de investigación Histagra (USC) no marco das actividades do Laboratorio Ecosocial do Barbanza para 2023. Esta sesión de traballo pretende xuntar diferentes experiencias de investigación-acción participativa para poñer en común traxectorias, metodoloxías e oportunidades.

A primeira parte do obradoiro consistirá na presentación de tres proxectos. O primeiro poñente será Pablo López Gómez, arqueólogo e intérprete do patrimonio do grupo LLABOR e do Centro D’Investigación y Ecomuséu La Ponte. Logo participará Jaime Izquierdo Vallina, actual Comisionado para o Reto Demográfico do Goberno de Asturias, que presentará o proxecto do Sistema Agroecológico Local de Moal. En terceiro lugar falará Roque Sanfiz Arias, investigador predoutoral (Histagra, USC) e membro do equipo de traballo do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.

A continuación, abrirase un tempo de debate moderado por David Fontán Bestilleiro (Histagra, USC), tamén investigador predoutoral e membro do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.

A discusión xirará arredor de tres bloques temáticos:
1) Metodoloxías útiles para traballar en proxectos que conectan distintas disciplinas e ademais se constrúen sobre a investigación-acción participativa, desde e para as comunidades locais.
2) Problemáticas que enfrontan este tipo de proxectos e como resolvelas.
3) Oportunidades para desenvolver iniciativas destas características no contexto actual.

Para saber máis sobre os proxectos:

https://laponte.org/

http://altonarceamuniellos.org:58888/share/s/geU6e3XwRRefp_KXSPdEAw

https://barbanzaecosocial.org/

Facebook
Twitter