O pasado sábado, o Proxecto de Investigación Interuniversitario Nomes e Voces recibiu o Premio da Crítica Galicia 2024 na categoría de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades. Este recoñecemento destaca o traballo levado a cabo por este proxecto, que recompilou unha ampla base de datos sobre a represión durante a Guerra Civil e o franquismo en Galicia, poñendo en valor o esforzo colectivo e interdisciplinar entre as tres universidades galegas e múltiples entidades e persoas a título individual.
O xurado salientou o carácter innovador de nomesevoces.net, que, ademais de ofrecer unha investigación rigorosa, conta cunha importante vertente de divulgación e transferencia do coñecemento á sociedade. A súa aposta por facer accesible e gratuíto o coñecemento sobre as vítimas da represión franquista representa un avance fundamental na democratización da memoria histórica en Galicia.
Se queres acceder aos diferentes materiais do arquivo, podes pedir cita e asistir ao Gabinete de memoria do noso centro, que alberga esta documentación. Tamén podes consultar a súa web, onde atoparás recursos, información e actualidade do proxecto.