O proxecto TourisFarm vén de ser seleccionado na convocatoria Erasmus+ KA220-HED 2025 de cooperación entre organizacións e institucións. A iniciativa busca fortalecer o agroturismo mediante a creación de clústeres intelixentes que integren patrimonio cultural inmaterial, prácticas agrícolas sostibles e ferramentas avanzadas de marketing dixital.
O equipo investigador está liderado pola Universidade de Vigo e conta coa participación de tres membros do CISPAC: Diego Rodríguez Toubes (coordinador principal), José Antonio Fraiz Brea e Noelia Araújo. Xunto a eles participan tamén a Università degli Studi di Padova (Italia), a Porto Business School – Universidade do Porto (Portugal), a Univerza na Primorskem – Università del Litorale (Eslovenia), a empresa tecnolóxica FeedYou S.R.O. (República Checa) e a consultora Sherpa S.R.L. (Italia).
Entre os obxectivos principais de TourisFarm atópanse:
- Co-deseñar e pilotar un currículo aberto en turismo rural sostible e dixital para institucións de educación superior e pequenas empresas.
- Desenvolver ferramentas dixitais para unha comercialización responsable do agroturismo.
- Crear clústeres agrícolas piloto en dúas áreas transfronteirizas (España–Portugal e Italia–Eslovenia) que permitan mellorar os ingresos locais, preservar tradicións e aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático.
- Formular recomendacións baseadas en evidencias para avanzar cara a un turismo rural sostible, inclusivo e resiliente.
O proxecto, cun orzamento total de 400.000 euros e unha duración de tres anos a partir do 1 de setembro de 2025, desenvolverá plataformas dixitais, módulos educativos para estudantes universitarios e profesionais do sector, así como experiencias innovadoras de marketing (chatbots con intelixencia artificial e aplicacións inmersivas de realidade estendida).
Máis información dos proxectos seleccionados nesta convocatoria na seguinte ligazón.