O proxecto europeo CATCH abre unha chamada de interese para incorporar persoal investigador e técnico

08/04/2026

O proxecto europeo CATCH –The Catholic Church and the Environment– abriu unha chamada de interese dirixida a investigadoras e investigadores que desexen incorporarse ao seu equipo no CISPAC, onde terá sede o novo Radical Environmental Humanities Hub. A iniciativa está dirixida polo investigador do CISPAC Marco Armiero e conta con financiamento do European Research Council.

A convocatoria contempla a contratación de 5 persoas predoutorais, 2 posdoutorais e 1 asistente de investigación, nun proceso orientado a perfís internacionais e interdisciplinarios. O proxecto ten como obxectivo analizar historicamente a relación entre a Igrexa católica e o medio ambiente desde a década de 1960 ata a actualidade, atendendo tanto ao seu papel en espazos de gobernanza internacional como a diversos estudos de caso en América, Europa, África e Asia.

A chamada diríxese a persoas con formación en ámbitos como a historia contemporánea, a historia ambiental, a socioloxía, a antropoloxía, a ciencia política ou as humanidades dixitais. No caso da praza de asistente de investigación, valóranse especialmente competencias en xestión web, comunicación dixital e organización de arquivos e contidos.

O equipo seleccionado deberá incorporarse presencialmente a Santiago de Compostela, con base no CISPAC, e participará activamente no desenvolvemento do Radical Environmental Humanities Hub, un espazo que busca conectar as Humanidades Ambientais e a Ecoloxía Política e consolidar unha comunidade internacional de investigación arredor dos grandes desafíos ecolóxicos contemporáneos.

O proceso de selección estrutúrase en dúas fases. Nunha primeira etapa, as persoas interesadas deberán enviar unha expresión de interese que inclúa carta de motivación, CV e documentación adicional segundo o perfil. As candidaturas seleccionadas pasarán posteriormente á convocatoria formal da Universidade de Santiago de Compostela.

O prazo para presentar solicitudes nesta primeira fase permanecerá aberto ata o 25 de abril. As solicitudes deben enviarse nun único documento PDF ao enderezo indicado na convocatoria, co asunto correspondente ao código da praza.

Máis información no documento adxunto:

Facebook
Twitter