O proxecto “Axencia feminina, coidados e memoria” inicia os seus traballos de campo en San Vicente de Trigás

30/08/2026

Coidarq. Proxecto San Vicente de Trigás

Entre os meses de agosto e setembro comezarán en San Vicente de Trigás, Mondoñedo, os traballos do proxecto “Axencia feminina, coidados e memoria: unha aproximación transhistórica ao rural galego desde O Combarro”, unha das catro iniciativas seleccionadas na IV edición do programa Xan de Forcados do CISPAC.

Coordinado por Celtia Rodríguez González, o proxecto conta coa participación de Iria Vázquez Silva, Carla Aboal Barreiro e Antía Pérez Caramés. Desde unha perspectiva interdisciplinar, a investigación pon en diálogo a arqueoloxía coa memoria social para analizar como as prácticas e experiencias da vida rural deixaron a súa pegada no territorio e como estas se manteñen, transforman ou reinterpretan no presente.

O traballo de campo combinará a investigación arqueolóxica coa realización de entrevistas a persoas vinculadas á parroquia. As súas voces permitirán afondar no papel das mulleres e nos traballos de coidado ligados á vida cotiá, así como nas relacións entre as evidencias materiais do pasado e os seus significados sociais na actualidade. Casas, terras, animais, montes, auga ou camiños serán abordados como elementos dunha paisaxe vivida, na que se cruzan prácticas, saberes, relacións e lembranzas transmitidas entre xeracións.

Deste xeito, a investigación busca achegar unha mirada ao rural galego que recupere o protagonismo das persoas e dos coidados na construción e transformación das paisaxes ao longo do tempo.

Facebook
Twitter