O pergameo iluminado: arte, música e tecnoloxía no estudo do códice medieval

29/09/2025

O 3 de outubro, a Illa de San Simón (Redondela) acollerá a xornada O pergameo iluminado: arte, música e tecnoloxía no estudo do códice medieval, organizada polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela dentro do ciclo Seíam eu… en San Simón.

A actividade, coordinada por Francisco Prado-Vilar, investigador do CISPAC e profesor do Departamento de Historia da Arte da USC, propón unha inmersión interdisciplinar nas múltiples vidas do códice medieval como soporte de coñecemento e espazo de innovación visual e sonora.

O programa reúne especialistas de prestixio que analizarán manuscritos esenciais para a cultura galega —como o Códice Calixtino, o Tombo A, a Crónica Troiana ou diversos códices musicais— desde a historia da arte, a musicoloxía, as ciencias da conservación e as tecnoloxías dixitais. As sesións incluirán desde a análise dos pigmentos e técnicas de iluminación ata a notación musical medieval, pasando polo estudo das narrativas e imaxes da época.

A inscrición é gratuíta e está limitada a 60 prazas, que se cubrirán por orde de solicitude a través da web do Consello da Cultura Galega. O transporte marítimo e o xantar na illa están incluídos na organización.

Información e inscrición.

Facebook
Twitter