O Laboratorio Ecosocial do Barbanza impulsa a sustentabilidade dos montes veciñais con xornadas de devolución en Baroña, O Carballo e Zobra

03/06/2025

Durante o pasado mes de maio, o CISPAC participou nas xornadas de devolución celebradas nas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Baroña (Porto do Son), O Carballo (Friol) e Zobra (Lalín). Estes encontros, organizados no marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, permitiron compartir cos veciños e veciñas os resultados da análise da sustentabilidade dos seus montes, froito dun proceso colaborativo baseado en cartografía e fontes históricas, entrevistas e visitas de campo.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é unha iniciativa de investigación e acción impulsada pola Fundación RIA, en colaboración co CISPAC, os grupos de investigación HISTAGRA e UXAFORES da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade Pablo de Olavide, a Plataforma pola Defensa do Monte, a Fundación Montescola e o Concello de Rianxo. O seu obxectivo é promover a transición cara a unha xestión multifuncional e sostible do territorio, fortalecendo a resiliencia ecolóxica e social das comunidades locais.

As xornadas de devolución foron espazos de diálogo e aprendizaxe mutua, nos que se recoñeceu o valor multifuncional dos montes veciñais, ademais de identificarse retos comúns e reforzar a capacidade das comunidades para decidir, desde o coñecemento, o futuro do seu territorio. A metodoloxía empregada, baseada no estudo do metabolismo social adaptado ao contexto dos montes comunais, permitiu avaliar a sustentabilidade das prácticas actuais e propoñer alternativas de xestión máis sostibles e adaptadas ás necesidades locais.

Este traballo forma parte dun proxecto máis amplo financiado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), co apoio da Unión Europea – NextGenerationEU. O proxecto contempla accións como a restauración ambiental, o fomento da gandaría extensiva regenerativa, a transformación e comercialización de produtos locais, a creación de comunidades enerxéticas e a certificación de créditos de carbono.

Podes consultar máis información na web do Laboratorio:

Fotografía de portada cedida polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza

Facebook
Twitter