Mario Pansera, investigador do CISPAC e responsable do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, lidera un dos proxectos europeos recoñecidos recentemente pola Comisión Europea como caso de éxito. Trátase de Just2ce, unha iniciativa financiada polo programa Horizonte 2020 con preto de 3,6 millóns de euros, que explora vías para unha transición cara unha economía circular máis xusta desde o punto de vista social e ambiental.
Coordinado tamén pola Universitat Autònoma de Barcelona, o proxecto contou coa participación de 14 entidades de investigación e acción social en Europa e África. Desenvolvido entre 2020 e 2024, Just2ce puxo o foco en repensar o paradigma da economía circular a través dun marco teórico que integra cuestións de traballo, xénero e xustiza ambiental, apostando por un enfoque crítico e transformador.
Entre os principais resultados destaca a creación do Supply Chain Explorer, unha ferramenta aberta que permite analizar cadeas de valor globais poñendo en relación datos económicos con variables sociais e ambientais. Ademais, o proxecto deu lugar a 26 publicacións científicas, un documental con estudos de caso en Europa e África e o libro electrónico Circular Economy for Social Transformation: Multiple Paths to Achieve Circularity, que recolle recomendacións políticas para avanzar cara modelos máis sostibles e equitativos.
No consorcio participaron, ademais da UVigo e da UAB, as universidades de Sheffield, Nápoles Federico II, Leeds, Coimbra, Cape Town e Mekelle (Etiopía), así como entidades como a Agència de Residus de Catalunya, o SIRDC de Cimbabue ou a African Circular Economy Network. No proxecto tamén participa Stefania Barca, investigadora do CISPAC e da USC.
Fotografía de portada: UVIGO