O informe “Transformative Change for a Sustainable Future”, publicado polo Consello Europeo de Investigación (ERC), destaca máis de 300 proxectos financiados que buscan abordar os retos globais derivados do cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación entre outras temáticas. Estas investigacións subliñan a necesidade de cambios transformadores nos sistemas económicos, sociais e políticos para facer posible unha transición sostible e xusta. O ERC salienta a importancia de adoptar enfoques interdisciplinares que combinen coñecementos científicos e locais, coa finalidade de superar as barreiras existentes e identificar puntos clave que faciliten o avance cara a sociedades máis equitativas e resilientes. Tamén fai fincapé no papel das ciencias sociais e humanas para garantir que estas transformacións sexan inclusivas e respecten a diversidade cultural.
Os proxectos destacados no informe abranguen temáticas que van desde novos modelos económicos ata solucións sostibles en materia de enerxía, recursos naturais e infraestruturas urbanas. O ERC tamén enfatiza a urxencia de considerar os impactos sociais das políticas de transición verde, especialmente en comunidades vulnerables, garantindo que estas iniciativas contribúan a unha xustiza interxeracional e global. Ademais, os resultados destas investigacións ofrecen recomendacións prácticas para os responsables políticos, axudando a deseñar e implementar accións que combinen mitigación e adaptación aos retos ambientais.
Neste marco, o investigador Mario Pansera (UVIGO-CISPAC) lidera o proxecto Prospera, financiado polo ERC, que explora paradigmas económicos post-crecemento e promove modelos de innovación sostible. O traballo de Pansera salienta a necesidade de reorientar a economía cara ao benestar humano e ambiental, superando a lóxica tradicional baseada no crecemento ilimitado. No propio informe recollen as palabras do investigador, que sinala:
“There is an obsession with innovation and technological development. In reality, we are innovative perhaps 1% of our time, while the remaining 99 % of our time we spent on caring and maintenance. However, society does not value maintaining and caring enough. That is why we need science-technology policies focused more on maintenance”.
Mario Pansera, Transformative change for a sustainable future, p. 135
Ao analizar o papel da investigación na transición sostible, o informe conclúe que os cambios transformadores son complexos e requiren unha combinación de enfoques tecnolóxicos, culturais e políticos. A creación de redes de colaboración entre diferentes disciplinas e actores sociais aparece como unha das claves para fomentar solucións innovadoras e duradeiras.
Podes consultar máis información sobre o proxecto Prospera na seguinte ligazón, así como descargar o informe completo a continuación.