O equipo do Plan de Memoria Democrática está buscando unha das maiores fosas de Galicia, localizada no cemiterio de O Val (Narón)

26/12/2023

O grupo de expertos da USC, formado por historiadores, arqueólogos, forenses e xenetistas, coa participación do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), que está coordinado polos profesores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Miguez (grupo HISTAGRA e CISPAC), leva dende o ano 2021 exhumando fosas do tempo da guerra de 1936-1939 e da posguerra en Galicia. Actualmente, centran
as súas actuacións na localización da fosa no cemiterio de Santa María do Val, concello de Narón. Trátase dunha das maiores fosas comúns das que se ten constancia, dun total de 90, rexistradas, hoxe en día en Galicia.


Os traballos comezaron este outono coa sondaxe do xeorradar no cemiterio do Val, e, no marco da investigación histórico-documental, o equipo solicita agora acolaboración social para determinar a localización exacta desta fosa e contactar coas familias das vítimas. Na investigación participa tamén a Asociación Cultural Memoria Histórica e Democrática. Neste sentido facemos un chamamento público a quen poida darnos información ao respecto.


Segundo as pescudas feitas ata o momento o equipo da Universidade busca mais dunha fosa, tendo en conta a información recollida e dado o elevado número de persoas alí soterradas, en diferentes datas, mais de 50 individuos asasinados entre 1936 e 1939 e posiblemente tamén na posguerra. Un asunto coñecido polos historiadores e historiadoras e moi presente na memoria veciñas e familiar.


O 26 de decembro de 1936, levouse a cabo unha das maiores execucións que nos consta en Galicia. Un grupo de 34 persoas, todos eles mariñeiros, suboficiais e oficiais de entre 19 e 40 anos, das dotacións de diferentes buques foron fusiladas no adro da Igrexa parroquial do Val, entre as 23 horas do día 26 de decembro de 1936 e as 00:30 do día seguinte. Os reos foron conducidos dende a prisión da Escollera, no Arsenal de Ferrol, executados e despois sepultados no cemiterio.

Hai constancia doutros 17 asasinatos, perpetrados en seis datas diferentes nos anos seguintes, e que apuntan cara á posible existencia de seis fosas máis, pendentes de localizar dentro do cemiterio de O Val.

Facebook
Twitter