O Ecoespazo acolle unha exposición sobre o Corro dos Mouros e a súa dimensión ritual-funeraria

02/12/2025

O Ecoespazo CISPAC acolle desde o 2 de decembro de 2025 ata o 30 de xaneiro de 2026 a exposición O Corro dos Mouros: unha longa historia… A monumentalidade ritual-funeraria dende o Bronce Final ata a Segunda Idade do Ferro en Galiza. A mostra achega unha síntese sobre este destacado xacemento prehistórico de Adai (Lugo), caracterizado pola súa monumentalidade e pola continuidade dos seus usos rituais, e no cal foron atopadas máis de 1200 novas pezas arqueolóxicas na última campaña.

A investigación arqueolóxica do sitio está dirixida por Pilar Prieto Martínez, profesora da USC e investigadora do CISPAC. Os traballos desenvolvidos no lugar permitiron definir con precisión a estrutura monumental do recinto, cun diámetro superior aos cincuenta metros e un parapeto de terra e pedra que se conserva en varios tramos con notable integridade. As datacións por carbono sitúan a súa ocupación no Bronce Final, arredor do século XIII a. C., e os materiais recuperados confirman un uso continuado do espazo ata a Segunda Idade do Ferro.

Pode visitarse no Edificio Fontán da Cidade da Cultura en horario de 10:00 a 20:00h.

Facebook
Twitter