O Culturgal presenta o Directorio de Artistas Globais na Galiza, un proxecto para visibilizar a creación de mulleres migrantes

27/11/2025

O Directorio de Artistas Globais na Galiza presentarase o 28 de novembro en Culturgal, que reúne 32 proxectos de creadoras migrantes activas nas artes escénicas, música, danza e propostas multidisciplinares. A publicación é un dos resultados do proxecto Mulleres á fronte dende o Sur Global, financiado por Cooperación Galega e coordinado por Luzia Oca (USC), concibido como un proceso de investigación-acción participativa.

No desenvolvemento do proxecto colaborou profesorado das tres universidades galegas e a entidade social Ecos do Sur. Entre o persoal investigador participante atópanse tamén Antía Pérez Caramés, Belén Fernández Suárez e Keina Espiñeira, do equipo ESOMI–UDC, vinculadas ao CISPAC, que contribuíron ás tarefas de análise e elaboración do directorio.

A presentación no Culturgal incluirá unha explicación do proceso investigador e unha mesa redonda con varias das artistas integradas na publicación, que achegarán a súa experiencia como creadoras migrantes en Galicia.

Facebook
Twitter