O Comité Científico do Centro de Investigacións Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), reunido o pasado martes 28 de maio, decidiu apoiar formalmente a declaración de solidariedade co pobo palestino emitida pola International Sociological Association (ISA) o pasado 13 de maio de 2025.
Esta declaración denuncia con firmeza a escalada de violencia contra a poboación palestina, sinalando como inaceptables as accións do exército israelí en Gaza e Cisxordania, que xa provocaron, segundo datos recollidos pola ISA, máis de 50.000 mortes confirmadas e unha cifra estimada de vítimas próxima ás 300.000. A maioría das persoas falecidas, arredor do 70%, serían mulleres e crianzas. Tamén se denuncia o bombardeo de infraestruturas civís como hospitais, escolas, universidades e lugares de culto, mesmo tras a declaración formal dun alto ao fogo en xaneiro de 2025.
A ISA, xunto con organizacións como Amnistía Internacional, Human Rights Watch ou Médicos sen Fronteiras, califica estas accións como un xenocidio e fai un chamamento á comunidade internacional para a súa condena e intervención.
A adhesión do CISPAC a esta declaración enmárcase no seu compromiso coa xustiza social e cos principios éticos que deben rexer a actividade científica e universitaria.

Podes descargar a declaración de solidaridade co pobo palestino elaborada pola ISA a continuación.