O CISPAC recibe un dos Premios SERenidade 2026 polo seu compromiso social e polo valor do I+D en ciencias sociais e humanas

28/01/2026

O CISPAC vén de ser distinguido cun dos Premios SERenidade 2026, outorgados pola Cadena SER, en recoñecemento aos valores, ao traballo desenvolvido e ao proxecto científico e institucional do centro.

Na súa declaración, o xurado salientou o CISPAC como “un centro singular de nova xeración, pioneiro no ámbito das ciencias sociais e humanas”, subliñando especialmente a súa capacidade para artellar investigación de alto nivel desde a cooperación entre as tres universidades galegas. Actualmente, o centro conta con 108 investigadoras e investigadores de alto nivel integrados en 36 grupos de investigación das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña. Segundo o xurado, trátase dun “claro exemplo de que a unidade de acción entre os sete campus é clave para afrontar os retos que están por vir”.

Nesta edición, os Premios SERenidade 2026 recoñeceron do mesmo xeito a outras persoas, institucións e iniciativas de grande valía. O xurado distinguiu aos bombeiros forestais de Galicia, polo seu labor durante a peor vaga de incendios da historia recente do país; ao oncólogo Rafael López, pola súa traxectoria na investigación e na loita contra o cancro; á actriz Mabel Rivera, pola súa destacada carreira no ámbito cultural; á empresa Casa Grande de Xanceda, polo seu modelo de produción ecolóxica e o seu compromiso co rural; e ao surfista e médico Guillermo Carracedo, polos seus éxitos deportivos a nivel internacional.

A entrega dos Premios SERenidade 2026 terá lugar no serán do vindeiro 12 de febreiro no Auditorio de Galicia.

Portada: Presentación da IV reunión do persoal investigador do CISPAC “Investigando para un futuro sen lumes” (30-10-2025)

Facebook
Twitter