A Universidade de Cádiz acolle os días 5 e 6 de novembro o seminario internacional Remote work and emergent mobility regimes. Return, multilocality and processes of re-territorialisation, unha iniciativa que constitúe un exemplo de cooperación científica entre proxectos de investigación e universidades españolas, coa participación dunha ampla rede internacional de investigadores e investigadoras.
O encontro forma parte das actividades e dos resultados do proxecto de investigación REMOTEWORK (PID2023-148842NB-I00), coordinado por Belén Fernández Suárez, profesora titular de Socioloxía da Universidade da Coruña (UDC-ESOMI-CISPAC), e Fabiola Mancinelli, profesora titular de Antropoloxía da Universidade de Barcelona (UB). O proxecto analiza as relacións entre dixitalización do traballo e mobilidades en Europa, con especial atención ás migracións de retorno vinculadas ao emprego remoto e ao fenómeno do nomadismo dixital.
A organización do seminario é froito da colaboración entre os equipos de dous proxectos de investigación: REMOTEWORK, coordinado desde a UDC e a UB, e RET-REM, da Universidade de Cádiz, coordinado por Simone Castellani e Juan Antonio Roa Domínguez. Esta cooperación interuniversitaria permite compartir avances de investigación, contrastar perspectivas e fortalecer unha rede científica internacional arredor das transformacións contemporáneas do traballo e da mobilidade.
O encontro reúne especialistas de universidades e centros de investigación europeos e latinoamericanos para debater sobre como a expansión do traballo remoto está a transformar as mobilidades contemporáneas e as relacións entre traballo, territorio e formas de vida.
O programa científico estrutúrase en catro sesións temáticas. A primeira, The politics of destinations, aborda as políticas de atracción de traballadores remotos e nómades dixitais, así como as transformacións urbanas e os retos das políticas de integración. A segunda, Returning, staying, belonging, céntrase nas mobilidades de retorno, nas experiencias de permanencia e nas relacións de pertenza aos lugares.
A terceira sesión, The (im)mobilities of remote work, examina as dimensións sociais e territoriais do traballo remoto, incorporando cuestións de xénero, reprodución social e asentamento de persoas refuxiadas. Finalmente, Imagining the good life analiza os imaxinarios sobre a boa vida, as concepcións do éxito e as prácticas de mobilidade entre as persoas que desenvolven traballos a distancia.
O seminario inclúe 13 comunicacións científicas e conta coa participación de investigadores e investigadoras de institucións como as universidades de Sevilla, Salerno, Lisboa, Valencia, Palermo, Panteion de Atenas, Maastricht, Cork, Malmö, Lund, Osnabrück, Côte d’Azur, Tirana, Amberes e Xenebra, así como do ISCTE de Lisboa e do Instituto de Literatura e Folclore de Lituania, entre outras.
Entre as persoas participantes figuran Jorge Malheiros, do Instituto de Xeografía e Ordenación do Territorio (IGOT) da Universidade de Lisboa; Zana Vathi, da University College Cork; Anastasia Bermúdez, da Universidade de Sevilla, e Mattia Vacchiano, da Universidade de Xenebra, que actuarán como comentaristas das distintas sesións.
A xornada do venres finalizará cunha discusión colectiva sobre os plans de publicación e os próximos pasos da colaboración científica, co obxectivo de consolidar novas liñas de investigación e fortalecer a rede internacional de traballo sobre os réximes de mobilidade emerxentes e as transformacións do traballo na sociedade dixital.
O proxecto REMOTEWORK está financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e pola Axencia Estatal de Investigación (PID2023-148842NB-I00), e conta tamén co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.