O CISPAC participa nun informe internacional que valoriza os coidados como piar da Transición Xusta

31/07/2024

Hai escasos días presentouse o informe Care Work in the Just Transition: Providing for People and Planet (O traballo de coidados na Transición Xusta: prover para as persoas e o planeta), un brief resultante do traballo desenvolvido pola rede Transición Xusta e Coidados, coordinada pola investigadora do CISPAC Stefania Barca desde o 2021. Precisamente, esta entidade está impulsada polo CISPAC, o Centro para a Xustiza Ambiental da Colorado State University e o Instituto de Investigación das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Social (UNRISD), e nela participan múltiples actores como o Sindicato Labrego Galego.

Os contidos desta síntese foron presentados recentemente na sesión conxunta da 10ª Conferencia Internacional de Decrecemento e a 15ª Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica, celebrada en Pontevedra no mes de xuño.

O informe trata de dar resposta a unha pregunta: como valorar e financiar axeitadamente os coidados axuda a acadar a Transición Xusta (TX). Este concepto, moi presente no debate público actual, defínese como un “marco de políticas promovido por organizacións laborais e de xustiza ambiental para deseñar políticas de transición climática e ecolóxica desde a perspectiva de quen son máis afectados polas desigualdades sociais”. Así, un dos principais retos aos que dar resposta é compensar a perda de empregos pola eliminación paulatina de industrias contaminantes e, en paralelo, non deixar atrás a clase traballadora coa creación de postos de traballo dignos en industrias limpas.

As investigadoras deste informe sinalan que até agora as políticas de TX non atenderon o papel social e ambiental dos coidados “e a súa importancia na satisfacción de necesidades humanas básicas e na protección do medio ambiente”, en referencia ao coidado doméstico e comunitario, a provisión de alimentos, a asistencia médica, o coidado do medio ambiente e a educación.

Por iso esta publicación insiste en mudar o foco da TX para “valorar e financiar adecuadamente” o traballo de coidados “nas súas múltiples formas”. Desta maneira, opinan, “as políticas de TX deben recoñecer adecuadamente aos e ás traballadoras do coidado e o seu dereito a protexer as persoas e o planeta”.

Deseguido, premendo en “descargar documento” pode consultarse o informe completo na súa versión en portugués. Tamén se poden consultar o orixinal en inglés e a súa tradución ao castelán.

Facebook
Twitter