O CISPAC participa no Grupo de Acción de Relevo Xeracional no Agro

24/09/2026

O CISPAC participou o pasado 22 de setembro na primeira reunión de traballo do Grupo de Acción de Relevo Xeracional no Agro, celebrada na sede da Fundación Roberto Rivas en Sestelo-Siador, no concello de Silleda. Laura Oso, directora científica adxunta do centro, asistiu en representación do CISPAC a esta sesión, enmarcada na primeira fase de activación da Alianza para un Territorio Rural Resiliente.

O encontro tivo como obxectivo concretar as liñas de traballo para os próximos meses, tomando como punto de partida as actuacións recollidas no Plan de Acción da Alianza. A sesión permitiu compartir experiencias e achegas das persoas e entidades participantes para avanzar na definición de tarefas conxuntas arredor do relevo xeracional no agro.

Entre os próximos pasos previstos figuran a creación dun espazo de colaboración en liña e a construción dunha rede de apoio para persoas que queiran iniciar a súa actividade no sector primario. A organización está a sistematizar a información recollida durante a xornada para elaborar unha proposta de tarefas concretas e un calendario de traballo. O grupo mantén aberto o proceso de incorporación de novas persoas e entidades que poidan contribuír a estes obxectivos.

A Alianza para un Territorio Rural Resiliente nace do proceso de reflexión colectiva desenvolvido no Foro Territorio Rural Resiliente e configúrase como unha rede aberta de colaboración entre persoas, entidades, administracións e organizacións comprometidas coa ordenación territorial e a xestión activa do espazo agroforestal galego. Cunha vocación práctica e de continuidade, promove grupos de acción para trasladar as propostas do Foro a iniciativas concretas sobre o territorio.

As persoas e entidades interesadas poden consultar a información e adherirse á iniciativa a través da web do Foro Territorio Rural Resiliente.

Fotografías cedidas pola Fundación Roberto Rivas

Facebook
Twitter