Con motivo do Día Internacional do Migrante, que se celebra hoxe, mércores 18 de decembro, o CISPAC presenta o documental “Carewell: Inmigración e Coidados Transnacionais”. Este proxecto audiovisual ilustra os resultados da investigación “Transnational Families in Europe”, que analiza as relacións entre os coidados, as desigualdades e o benestar interxeracional en familias transnacionais do Reino Unido, España, Francia e Suecia.
A investigación estivo coordinada pola Universidade de Reading, e en España foi liderada por Laura Oso, directora adxunta do CISPAC. No marco deste proxecto empregouse a metodoloxía de investigación-acción participativa, coñecida pola súa capacidade de involucrar familias transnacionais e investigadores/as comunitarios/as de orixe migrante na co-creación do coñecemento. Os resultados permiten comprender como se negocian as prácticas de coidado familiar entre diferentes xeracións e a súa conexión cos países de orixe.



Un dos aspectos máis destacados desta investigación é o impacto que tivo a pandemia da COVID-19 nas familias transnacionais, transformando responsabilidades de coidado e estratexias de mobilidade. Este proxecto analiza como estas situacións afectaron a saúde, a economía e as relacións sociais e emocionais das familias.
Este proxecto forma parte de CAREWELL- Cuidados, desigualdad y bienestar en familias transnacionales en Europa: un estudio intergeneracional comparativo en España, Francia, Suecia y Reino Unido, MYBL JPI 2020- PCI2021-121924; financiado por MCIN/AEI/10.13039/501100011033 e a Unión Europea “NextGenerationEU”/PRTR.
Podes ver xa a peza documental completa na canle de Youtube do grupo ESOMI da Universidade da Coruña, e proximamente na canle do CISPAC.