Miguel Carrero Pazos, investigador IP do CISPAC, vén de gañar un dos proxectos de Equipamento Científico-Técnico (EQC2024), parte do Plan Estatal de Investigación Científica-Técnica e de Innovación 2021-2023, da Axencia Estatal de Investigación, Ministerio de Ciencia Innovación e Universidades.
Esta nova unidade, innovadora e multidisciplinar, dotará ao CISPAC de tecnoloxía avanzada que permitirá abordar retos complexos nas áreas da arqueoloxía, xeografía, xeoloxía, historia, economía rural e agroecoloxía, respondendo ás necesidades de investigación do noroeste peninsular e de España en xeral. O laboratorio contará con equipos de última xeración, incluíndo, entre outros, un hub de ordenadores de alto rendemento, xeorradar, dron LiDAR e láseres escáner.
Este proxecto reforzará a competitividade científica e académica do centro, axudando na súa consolidación como un referente no estudo interdisciplinario das paisaxes culturais e ambientais. A súa contribución permitirá desde a reconstrución de sitios arqueolóxicos, o estudo detallado de formacións xeolóxicas, a análise da evolución dos usos agrarios e a documentación de obras artísticas, promovendo tamén a sustentabilidade e a innovación tecnolóxica.
A creación deste laboratorio representa un salto adiante para a investigación galega, fortalecendo as capacidades do CISPAC e abrindo portas a colaboracións internacionais, con gran impacto no desenvolvemento socioeconómico rexional.
Podes consultar máis información sobre esta convocatoria na seguinte ligazón.