O persoal investigador das tres universidades galegas participou o 29 de outubro na V Reunión Anual do CISPAC, celebrada baixo o título “Quecemento global, sustentabilidade e paisaxe. Unha visión multidisciplinar”. A xornada permitiu poñer en común investigacións arredor dos cambios ambientais e os seus efectos sobre o territorio, ademais de explorar novas posibilidades de colaboración entre disciplinas.
O encontro comezou coa intervención do equipo directivo e a presentación do novo plan estratéxico do centro, a cargo do director científico, Lourenzo Fernández Prieto. Este espazo inicial deu paso a un programa organizado en catro mesas de traballo sobre cuestións cunha ampla presenza nas liñas de investigación do CISPAC. Durante a mañá tamén se deu a benvida ao novo persoal investigador vinculado ao centro.



A primeira mesa, “Test a longo prazo”, achegou unha perspectiva histórica ao estudo dos cambios ambientais a través dos arquivos da costa galega, as variacións climáticas na prehistoria e as transformacións das paisaxes fluviais. A continuación, “Repensar os efectos” abordou as relacións entre cambio climático e coidados, os impactos no sector primario galego, as transformacións do patrimonio hidráulico e das infraestruturas e a preparación de Galicia ante os retos climáticos.
A terceira mesa, “Actuacións fronte ao cambio climático”, centrouse nas posibilidades de resposta a estes desafíos desde diferentes ámbitos. As intervencións trataron a conservación da biodiversidade en Galicia, o desenvolvemento de experiencias turísticas máis sostibles, a enerxía comunitaria e a contribución do coñecemento ecolóxico local á adaptación ao cambio climático.



Pola súa banda, a mesa “Gobernanza e xestión comunitaria” puxo o foco na gobernanza paisana, nas relacións entre risco, coñecemento e acción colectiva e na conexión entre restauración ecolóxica, resiliencia da paisaxe e ordenación do territorio. Neste marco presentouse tamén o Laboratorio de Imaxinación Utópica, unha proposta para explorar futuros participativos para a paisaxe galega desde unha perspectiva histórica, proxecto financiado polo Programa Xan de Forcados do CISPAC.
Ao longo da xornada tamén houbo espazo para reflexións sobre o cambio climático como «obxecto fronteira», a proposta dun «realismo radical» e a necesidade de pensar as transformacións das paisaxes a longo prazo, sen perder de vista as decisións do presente e os futuros que queremos construír.



Deixamos a continuación unha escolma fotográfica do encontro, e aproveitamos para agredecer a todas as persoas participantes e asistentes.





