O CISPAC está a desenvolver un informe en colaboración co Concello de Santiago de Compostela sobre o papel da Praza de Abastos como motor da alimentación de proximidade na cidade. Este proxecto busca cubrir a falta de información actual sobre a realidade do mercado, o consumo local en Compostela e o contexto produtivo da súa contorna. Entre os seus obxectivos destaca a identificación das oportunidades da Praza como espazo clave para reforzar a produción e o consumo de proximidade, apoiar a actividade dos praceiros e fortalecer os vínculos coa comunidade de produtores locais.
Para acadar estas metas, o proxecto aposta polo diálogo e a reflexión colectiva, promovendo a participación activa dos axentes implicados. Neste marco, celebraranse catro reunións de traballo no mes de novembro, centradas nas principais actividades alimentarias da Praza (carne, peixe e vexetal), culminando nunha sesión conxunta cos praceiros.
Este traballo está liderado polo investigador principal David Soto, xunto con Lourenzo Fernández Prieto, Ruth Varela e Stefania Barca. Ademais, conta coa colaboración de Roque Sanfiz Arias e David Fontán Bestilleiro.
Calendario das sesións de traballo:
- 20 de novembro, 16:00 h: Sector da carne, na Aula Gastronómica da Praza de Abastos.
Apertura institucional: D. Xan Duro Fernández, concelleiro. - 21 de novembro, 14:00 h: Sector do peixe, na Aula Gastronómica da Praza de Abastos.
- 22 de novembro, 16:00 h: Sector do vexetal, na Aula Gastronómica da Praza de Abastos.
- 28 de novembro, 16:00 h: Sesión conxunta cos praceiros, no Auditorio do Museo de Bonaval.
Podes consultar a nota emitida polo Concello de Santiago aquí.