Persoal investigador, profesionais, representantes das administracións e axentes locais reuniranse nesta actividade aberta para compartir experiencias sobre cocreación, participación e restauración de humidais. O obxectivo é explorar como as aprendizaxes de WaterLANDS e doutras iniciativas europeas poden contribuír a construír unha visión compartida para o futuro da Serra do Xistral, incorporando perspectivas das distintas disciplinas que estudan a paisaxe.
A xornada do mércores 14 de outubro desenvolverase na Sala de Eventos do CISPAC, no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. A través de sesións de intercambio e talleres participativos, abordaranse as experiencias de WaterLANDS, as características do territorio e o papel dos seus axentes, así como as posibilidades de colaboración e gobernanza vinculadas á restauración. O encontro contará tamén coa invitación aos proxectos europeos EUROlakes e SpongeBoost para enriquecer o diálogo con outras experiencias.
O xoves 15 de outubro realizarase unha visita de campo á Serra do Xistral, que permitirá coñecer o territorio e escoitar testemuños directos de axentes locais. Esta saída conectará os debates da primeira xornada coa realidade da paisaxe e coas oportunidades de conservación, restauración e participación. A organización prevé transporte de ida e volta desde Santiago de Compostela.
WaterLANDS é un proxecto financiado polo programa europeo Horizonte 2020 que promove a restauración de humidais e a aprendizaxe compartida entre territorios. Un dos seus eixos é a implicación das comunidades locais nos procesos de restauración, integrando coñecementos, usos do territorio e intereses diversos na procura de solucións conxuntas.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través do formulario de participación. Máis información no documento adxunto.