O CISPAC acolle as xornadas Natureza en [Des]equlibrio o vindeiro 3 de xuño

29/05/2024

O vindeiro luns día 3 de xuño o CISPAC acollerá a xornada ‘Natureza en [Des]equlibrio. Ciencia, arte e comunidade para o coidado do territorio’. Este evento está organizado polo grupo Histagra en colaboración co Centro de Arte Fundación María José Jove. En concreto a actividade enmárcase no proxecto ‘REVERDECER: ecofisioloxía vexetal e conciencia para a conservación de bosques autóctonos’.

Desde a organización da xornada sinalan que pretende ser un espazo de encontro transdisciplinar, pensando non só para investigadoras do mundo académico senón para artistas e persoas que traballan no propio territorio. Desta maneira xerarase un debate que porá en común puntos de vista procedentes da bioloxía, a antropoloxía, a historia, a enxeñería, a arte e a cidadanía. Algúns dos temas que se abordarán son a xestión dos espazos comunais perante retos ambientais como os incendios, a creación de conciencia sobre a sustentabilidade ou a relación das árbores e os bosques co conxunto do territorio.

A xornada comezará ás 9:45h cunha presentación a cargo de Susana González, directora do Centro de Arte Fundación María José Jove, e Lourenzo Fernández Prieto, director científico do CISPAC. A partir dese momento a actividade organizarase en tres mesas:

  • Mesa 1 (10-11:30h): Comunidades e natureza. Construíndo paisaxes sustentables.
    • Emilio Saborido (técnico forestal, educador ambiental e presidente da CMVMC O Fieitoso de Taragoña): A xestión colectiva do territorio fronte a novos retos sociais e ambientais.
    • Ximena Garrido-Lecca (artista visual): Reconfigurando paisaxes: accións desde a linguaxe plástica.
    • David Soto (profesor de Historia na USC e investigador en Historia Ambiental no CISPAC): Comunidades e natureza en perspectiva histórica.

  • Mesa 2 (12-13:30h): Conflitos e coexistencias. Entre o humano e non-humano.
    • Pedro Alonso (biólogo especialista no estudo do lobo): Conflitos entre seres humanos e lobos.
    • Frederico Ágoas (sociólogo e investigador do proxecto Fireuses – Universidade Nova de Lisboa): O lume como conflito político e ambiental: o caso de Portugal.
    • Ariadna Silva Fernández (artista visual): Cartografía do esquecemento: percorridos, reflexións e memorias arredor do monocultivo de eucalipto e os incendios.

  • Mesa 3 (15:30-17h): Conciencias e conservación. Recuperar e reconstruír relacións perdidas.
    • Cristina Mejías (artista visual): Aprendices errantes. Un proxecto sobre a produción dos saberes cambiantes e multiformes da natureza.
    • José A. Cortés (profesor de Antropoloxía na UDC – CISPAC): Modelos de conservación da natureza.
    • Jesús Ramón Aboal Viñas (Catedrático de Ecoloxía na USC – CRETUS): Cicatrices non curadas da contaminación do século pasado. Lección aprendida?

A continuación pódese consultar o programa completo premendo en “descargar documento”.

Facebook
Twitter