O CISPAC acolle a memoria viva dos segadores da Órrea

25/06/2025

O pasado martes 24 de xuño, o CISPAC converteuse nun espazo para a recuperación da memoria oral e o recoñecemento da Galicia labrega coa proxección do documental “Segadores da Órrea en terras de Castela. Unha historia de heroes“. A actividade foi organizada polo grupo de investigación HISTAGRA e a Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, coa colaboración do propio CISPAC.

Dirixido por Vanesa Gómez Lourido e Laura Alonso Carracedo, o filme achega ao público un relato coral tecido por 31 testemuños, homes e mulleres que viviron en primeira persoa a experiencia da sega en Castela, unha práctica estacional que se prolongou ao longo de tres séculos, desde o século XVII até os anos sesenta do século XX. A través das súas voces, a proxección permitiu rescatar unha parte fundamental da historia social galega, marcada pola dureza do traballo agrícola, a migración temporal e a resiliencia das comunidades rurais.

A actividade contou tamén cun coloquio con algúns dos protagonistas dos feitos, tamén participantes da peza audiovisual. A continuación, unha escolma fotográfica do coloquio:

Facebook
Twitter