O CISPAC abre unha nova chamada de apoio a candidaturas MSCA Postdoctoral Fellowships 2026

27/04/2026

O Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) vén de lanzar unha nova chamada de apoio a persoas investigadoras interesadas en presentar candidaturas á convocatoria europea MSCA Postdoctoral Fellowships 2026, cuxo prazo de solicitude está aberto entre o 9 de abril e o 9 de setembro de 2026.

A iniciativa ten como obxectivo atraer talento investigador internacional e favorecer a incorporación de novas liñas de traballo ao ecosistema científico do centro, facilitando o desenvolvemento de proxectos postdoutorais no ámbito das paisaxes culturais desde unha perspectiva transdisciplinar.

O CISPAC, integrado no Sistema Universitario de Galicia e conformado polas tres universidades públicas galegas (USC, UDC e UVigo), ofrece un marco de investigación de excelencia centrado na análise das paisaxes culturais como ferramenta para abordar os retos contemporáneos desde a identidade, a participación e a sustentabilidade.

Apoio integral ás candidaturas

As persoas candidatas contarán cun acompañamento completo ao longo do proceso, que inclúe:

  • Identificación de persoal investigador supervisor nos distintos ámbitos do centro.
  • Apoio académico na preparación da proposta.
  • Asesoramento técnico e administrativo a través das oficinas internacionais das tres universidades.
  • Seguimento na xestión do proxecto en caso de concesión.

O centro ofrece, ademais, un ecosistema de investigación activo con participación en proxectos competitivos internacionais e estatais, así como colaboracións con entidades públicas e privadas.

Un entorno investigador consolidado

O CISPAC proporciona ás persoas investigadoras un espazo de traballo equipado con infraestruturas e servizos especializados, incluíndo salas de traballo, laboratorios, acceso a bases de datos científicas e espazos de interacción como a Burbulla de Coñecemento, unha rede activa de persoal investigador postdoutoral.

As propostas deberán aliñarse cos campos de investigación recollidos na axenda científica do centro e cos seus eixes reitores para o período 2024-2027, entre os que destacan a transición e cambio, o xénero e a interseccionalidade e a sustentabilidade, entre outras que podes atopar na axenda científica.

Como presentar candidatura

As persoas interesadas deberán elaborar unha proposta de investigación a desenvolver no marco do CISPAC e remitila ao enderezo electrónico cispac.xestion@usc.es, indicando a súa adecuación ás liñas de investigación do centro.

Facebook
Twitter