O CISPAC abre a IV edición do programa Xan de Forcados para impulsar proxectos colaborativos posdoutorais

05/05/2026

O CISPAC vén de lanzar a IV edición do programa Xan de Forcados, unha iniciativa propia que busca consolidar dinámicas de colaboración científica no seo do centro a través do liderado do persoal investigador posdoutoral.

A convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, apoiará ata catro proxectos de investigación cunha dotación máxima de 4.000 euros cada un. As propostas deberán artellar equipos interuniversitarios, con participación de, cando menos, dúas das institucións que integran o CISPAC —Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo—, e poderán incorporar tamén persoal predoutoral e, de maneira excepcional, investigador sénior.

Máis alá do financiamento, o programa está concibido como un instrumento para activar sinerxías reais entre liñas e grupos de investigación, favorecendo proxectos que dialoguen coa axenda científica do centro e que incorporen enfoques colaborativos e, de ser o caso, participativos.

As solicitudes deberán incluír un currículo reducido das persoas candidatas, unha memoria do proxecto, o orzamento, unha carta de motivación e unha declaración responsable. O prazo de presentación permanecerá aberto durante 21 días naturais desde a publicación da convocatoria, fixándose como data límite o 26 de maio de 2026.

O programa leva o nome de Xoán López Suárez, coñecido como Xan de Forcados, unha figura clave no desenvolvemento científico en Galicia durante o século XX, vinculado ao impulso da Junta para Ampliación de Estudios e á creación de institucións como a Misión Biolóxica de Galicia. Este programa está dirixido ao persoal posdoutoral do CISPAC no marco das accións estratéxicas de I+D+i 2025-2026.

Máis información no documento adxunto que podes descargar a continuación.

Facebook
Twitter