O Canizo acolle este sábado 7 de xuño o segundo taller de co-deseño do proxecto ESMAART

04/06/2025

O sábado 7 de xuño o proxecto ESMAART celebrará o seu segundo taller de co-deseño no Canizo (A Gudiña, Ourense). Esta xornada desenvolverase como un espazo participativo de traballo e reflexión colectiva arredor dos retos e oportunidades da transición enerxética xusta no medio rural galego.

Este segundo taller estará centrado na análise da enerxía e do metabolismo territorial. Comezará coa presentación dun estudo sobre as infraestruturas existentes, a demanda enerxética da parroquia e o potencial de xeración do territorio. Posteriormente, empregarase unha nova aplicación desenvolvida no marco do proxecto para simular e debater sobre diferentes escenarios de autosuficiencia enerxética e posibles excedentes, fomentando así o debate comunitario sobre modelos alternativos e sostibles.

O proxecto de investigación “ESMAART” (Enfoque Social para a Mellora Ambiental de Asentamentos Rurais Tradicionais) desenvolve unha metodoloxía de planificación de zonas rurais co obxectivo de mellorar a calidade de vida da súa poboación e facilitar unha transición ecolóxica xusta e equitativa. Parte da premisa de que os espazos rurais ofrecen unha ampla variedade de oportunidades sociais e ambientais, que os cualifican como piar fundamental do desenvolvemento sustentable e do proceso de adaptación climática. A transición enerxética debe garantir a preservación dos valores intrínsecos do rural, así como unha distribución equitativa dos custos asociados. A metodoloxía ESMAART procura a integración das infraestruturas necesarias mediante procesos participativos e inclusivos, poñendo o foco na aceptación social a través de modelos endóxenos baseados no metabolismo territorial.

Podes recuperar o VIII Seminar Day organizado polo CISPAC, no que Jorge Rodríguez Álvarez (UDC) presentou a conferencia “Proxecto nacional Enfoque Social para la Mejora Ambiental de Asentamientos Rurales Tradicionales (ESMAART)”.

Facebook
Twitter