O Alto de San Cibrán acolle unha nova campaña arqueolóxica sobre a fortificación altomedieval

08/07/2026

O Alto de San Cibrán, situado entre os concellos de Ponteareas e Salceda de Caselas, acollerá entre o 13 e o 31 de xullo unha nova campaña de escavación arqueolóxica. A intervención permitirá dar continuidade aos traballos iniciados en 2024, que contribuíron a identificar este enclave como un dos centros fortificados máis relevantes da Alta Idade Media na contorna do río Miño.

A campaña enmárcase no proxecto de investigación Estratexias de Control Territorial na Gallaecia Altomedieval (ConTroGAL), dirixido por Mario Pereiro Fernández, investigador de SÍNCRISIS-CISPAC da Universidade de Santiago de Compostela. Os traballos forman parte tamén do proxecto Castelos no Aire e contan co financiamento dos concellos de Ponteareas e Salceda de Caselas, así como coa colaboración das comunidades de montes de Guláns e da Picoña, propietarias dos terreos nos que se localiza o xacemento.

Nesta nova intervención, a escavación centrarase en varios edificios situados na zona central do asentamento. O obxectivo é avanzar no coñecemento da organización interna do espazo habitado, analizar a relación entre as distintas construcións documentadas e contrastar as hipóteses cronolóxicas formuladas a partir dos resultados obtidos durante a campaña anterior.

Os traballos estarán dirixidos por Mario Pereiro e contarán coa participación de persoal técnico da empresa Tempos Arqueólogos, especializada en intervencións arqueolóxicas, así como de estudantes do Grao en Historia da Universidade de Santiago de Compostela. A campaña combina así a investigación científica coa dimensión formativa, favorecendo a participación do estudantado en intervencións vinculadas ao patrimonio altomedieval galego.

Como noutras actuacións do proxecto Castelos no Aire, a escavación desenvolverase baixo a iniciativa Aberto por Obras, que permite ao público achegarse ao xacemento durante os traballos arqueolóxicos. As persoas interesadas poderán coñecer de primeira man o desenvolvemento da intervención e conversar co equipo investigador sobre os avances da campaña.

Fotografías: Vista aérea do Alto de San Cibrán e escavación do ano 2024. Castelos no aire.

Facebook
Twitter