Mario Pansera e Javier Lloveras, investigadores da UVIGO e do CISPAC, veñen de publicar o seu novo libro Post Growth Innovation: Resisting the Pursuit of Endless Economic Growth, editado por Bristol University Press.
A obra analiza o papel da innovación nun contexto marcado pola crise climática e os límites ecolóxicos. Os autores reflexionan sobre a incompatibilidade entre a redución acelerada das emisións de CO₂ e o mantemento dun modelo económico baseado no crecemento permanente. Ante este dilema, propoñen entender a innovación non como motor de expansión produtiva, senón como ferramenta para escoitar, reducir, redistribuír e coidar.
Con esta publicación, os investigadores do Post Growth Innovation Lab buscan cubrir un baleiro relevante ao conectar os estudos de innovación coas investigacións contemporáneas sobre decrecemento e poscrecemento.