KosmoTech_1200, liderado por Francisco Prado-Vilar, publica a restauración dixital do Mestre Mateo

01/04/2026

O proxecto de investigación KosmoTech_1200, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co CISPAC e a Fundación Catedral de Santiago, fixo pública a restauración dixital do retrato do Mestre Mateo, situado no zócalo do parteluz do Pórtico da Gloria.

Dirixido polo investigador do CISPAC Francisco Prado-Vilar, o traballo combina tecnoloxías dixitais avanzadas e análise histórica para reconstruír virtualmente unha das imaxes máis coñecidas da catedral compostelá, popularmente chamada “o santo dos croques”. A intervención permitiu restituír partes perdidas da escultura e propoñer unha recreación da súa policromía orixinal, devolvéndolle a intensidade visual e a presenza que tería no seu contexto medieval.

A restauración dixital foi realizada por Alexandre González Rivas, responsable técnico da visualización e do proceso de reconstrución, mediante o uso combinado de múltiples ferramentas especializadas. O traballo integrou técnicas de modelado 3D, fotogrametría e reconstrución cromática para recuperar virtualmente o aspecto orixinal da escultura a partir das investigacións desenvolvidas por Francisco Prado-Vilar. Nunha primeira fase, a partir dun modelo fotogramétrico de alta resolución, xerouse unha malla densamente optimizada mediante procesos de retopoloxía e limpeza topolóxica, sobre a que se levou a cabo a reintegración dixital das partes perdidas mediante escultura 3D. Esta intervención permitiu corrixir os deterioros visibles, especialmente na zona inferior da figura, apoiándose tanto na evidencia fotográfica histórica como en criterios de continuidade xeométrica e coherencia estrutural.

Así mesmo, empregáronse normal maps e displacement maps para preservar o detalle superficial do escaneo orixinal, integrándoos coas novas achegas. O proceso orientouse a restituír os ritmos do drapeado e a devolver a coherencia ao sistema de pregues que articula a caída da túnica e a capa en torno á figura, respectando en todo momento a lóxica material e construtiva da escultura. Nunha fase final, realizouse unha restitución hipotética da policromía, baseada na análise de pigmentos e motivos decorativos documentados na primeira policromía do Pórtico, así como en paralelos procedentes da iluminación de manuscritos contemporáneos. Esta reconstrución cromática desenvolveuse mediante o uso de texturas PBR e mapas de cor, especularidade e rugosidade, co fin de simular o comportamento material dos distintos estratos pictóricos en condicións de iluminación variables.

Máis alá da dimensión técnica, o proxecto incorpora unha investigación iconográfica que reformula a interpretación desta figura. O xesto do Mestre Mateo, coa man sobre o peito, é entendido como unha expresión do concepto medieval de sapiens architectus: o arquitecto sabio que concibe a obra no interior —no corazón— antes de materializala.

A restauración abrangue igualmente o conxunto escultórico do zócalo, no que se propón a identificación dunha segunda figura como Judá, reforzando a dimensión simbólica e política do programa do Pórtico da Gloria. Coincidindo coa efeméride do 1 de abril de 1188, data na que se colocaron os dinteles do Pórtico, o proxecto pon en diálogo investigación histórica e tecnoloxías dixitais para ofrecer unha nova aproximación a unha das obras clave da arte medieval europea.

Podes consultar o retrato do Mestre Mateo restaurado dixitalmente no seguinte vídeo:

A continuación podes descargar o dossier completo de investigación iconográfica do proxecto, que amplía e documenta en detalle as hipóteses interpretativas presentadas.

Facebook
Twitter